Friday 10 de May de 2024

Todo a punto en Moeche para o empezo da escola


O CEIP San Ramón volverá encherse este mércores de balbordo. Empeza a escola e este ano o centro contará cun total de 57 alumnas e alumnos, 17 no ciclo de Educación Infantil e o resto nos cursos de Educación Primaria. Será día de presentacións, de atoparse de novo cos compañeiros e compañeiras, co profesorado… pero tamén de entrar nun colexio ao que nas últimas semanas se lle fixo un profundo lavado de cara para que todo estea a punto de cara ao curso 2018-2019. O Concello aplicouse facendo pequenas e grandes reparacións dentro e fóra do recinto, valéndose para iso da brigada de reforzo da área de Obras e Servizos contratada recentemente dentro dos programas de emprego de Xunta e Deputación.

Na parte exterior do colexio, os traballos centráronse no amaño dos accesos, na reparación do peche traseiro que separa o centro do Pavillón Municipal e tamén na limpeza do enreixado perimetral que, nuns días, tamén se pintará. No exterior tamén se comprobou o estado de todos os equipamentos de xogo. Cómpre lembrar que o curso pasado a rapazada de Infantil estreou un parque completamente renovado e, en pouco tempo, tocaralle tamén aos cursos de Primaria, gracias á licitación aberta polo Concello para mercar un novo módulo -dotado de tobogán, bambáns e pasarelas- dentro dun paquete cifrado en 18.000 euros co que tamén se mellorará o material infantil noutras zonas do municipio.

No caso das dependencias interiores da escola, o Concello tamén fixo labores de adecentamento que saltan á vista. Entre eles o repaso con varias mans de pintura a zonas que presentaban desperfectos polo trote diario e o aumento da superficie cuberta con paneis de corcho que, ademais de protexer paredes, tamén fan de soporte para a expresión infantil.

Porén, canda estas actuacións máis visibles, tamén se acometeron outras non tan apreciables malia seren igualmente necesarias para o bo funcionamento do colexio. Neste sentido, o equipo municipal de Obras e Servizos comprobou o bo estado da instalación eléctrica e da iluminación, ademais de levar a cabo pequenos traballos de impermeabilización nalgúns puntos onde apareceran manchas de humidade e pingueiras.

O Concello tamén revisou o sistema de calefacción que, segundo a comunidade educativa, dera problemas no curso pasado. A inspección municipal non observou ningunha anomalía e por este motivo desde a Administración local xa se lle solicitou á Consellería de Educación que envíe persoal técnico para realizar unha segunda revisión, coa finalidade de previr calquera incidencia no sistema xa antes da chegada do inverno.

No seo do Consello Escolar previo ao comezo do curso celebrado esta mañá deuse conta de todos estes traballos e das cuestións menores que quedan aínda pendentes. No consello tamén se abordaron -entre outros asuntos- as normas de funcionamento do centro para o ano académico que agora comeza, os contidos do plan de evacuación e a programación dos correspondentes simulacros que se porán en práctica nos próximos meses.

O CEIP San Ramón empeza con 57 nenas e nenos, 17 en Infantil e 40 nos distintos cursos de Primaria. Por diante teñen case nove meses de calendario que, na práctica, se verán reb